Declaración de principios
Setembro 5th, 2007
Desde uns posicionamentos paternalistas, promoveuse a conveniencia de ignorar os acontecementos relacionados co golpe de estado franquista e a represión posterior; acusando aos que sacaban á luz feitos e nomes asociados con ese período de “pór en perigo a convivencia e a reconciliación entre os españois”. Ademais de xerar un estado de opinión nese sentido, tamén se puxeron trabas legais e académicas concretas ao acceso a información e a divulgación deste asunto e mesmo se deu algunha denuncia e secuestro de publicacións. Aínda así, a enxurrada da memoria foi desbordando os diques do esquecemento e as vendas nos ollos foron transparentando unha verdade que se resiste a enmudecer. Quizais por iso, desde hai un tempo pasouse de mirar mal e obstruír a perseguir directamente a aqueles que están a traballar en condicións precarias para rescatar o ocorrido nesta etapa do noso pasado.
Neste contexto de ofensiva contra a investigación histórica é preciso pararse a reflexionar sobre o status desta ciencia nunha sociedade democrática e aberta, mais fundamentalmente o que implica o seu uso público e as consecuencias sociais que ten o acoso aos que traballan desde a perspectiva dos vencidos e a inseguridade xurídica na que quedan, fronte á impunidade na que se moven os apoloxetas do réxime totalitario, propagadores da versión oficial que xustifica a censura das ideas, o asasinato dos discrepantes e a descualificación do sistema democrático.
Para analizarmos a situación na que se atopan estudosos e difusores da represión franquista imos levar a cabo estas xornadas que baixo o título de “O dereito a saber, a liberdade de investigar” servirán para debater este asunto abordando as distintas dimensións do problema, tanto no plano académico e institucional como cívico e asociativo, desde o punto de vista máis interno e metodolóxico desta ciencia como na súa vertente pública e no seu tratamento nos medios de comunicación; e sobre todo examinar o marco xurídico e sociolóxico no que se desenvolve o labor de persoas e colectivos ocupados en rehabilitar a memoria histórica.





